LENDAS (Amandi)

OS MOUROS DA CASTRELA “Por elí, agochados, viven os mouros nas covas fondas da Castrela, onde desaparecían os pequenos incautos. O tío Ramón collía moitas veces un candelabro e iba durmir a elas. Nelas compuxo unha mazurca inspirada na súa vida”.

*Aurelia do Carrazúa --- Lobios --- 9-VII-2003 e 23-IV-2006.
O Magito dicía que encontrara na Castrela uns candelabros de ouro que escondera nunha cova. Alguén que debeu de ver como os agochaba, roubóullos.
* Mango de Viladime de Abaixo --- Lobios --- 29-II-2008.
A PENA DA CAIXA DAS ÁNIMAS
A Pena da Caixa das Ánimas ten dous buracos polos que se se meten as mans se tocan dúas cadeas que se moven.
* Pareal de Amandi --- Amandi --- 12-III-2003.

AS MOURINALLAS “Nas Mourinallas, por riba de Valdés, vivían os mouros nunhas covas onde de pequenos tirabamos pedras para sentilas cair. Non sabiamos moi ben como podían vivir alí”.
* Manuela das Moreiras --- Amandi --- 13-II-2006.
A FONTE DA MOURA
De antigo, os pobos foron erixidos ó lado de manaciais de auga por razóns evidentes de comodidade e supervivencia. A parte dun ben necesario, a auga é un espazo simbólico de carácter universal. Tén Amandi moitas fontes, algunhas minas ás que se accede por escaleiras de pedra, lugares illados con portas para outros mundos. Ó lado da igrexa de Amandi está a Fonte dos Mouros. Ós pequenos decíanlle que non se arrimaran a ela, que podía sair unha moura que alí vivía e levalos con ela para sempre.
* Pepe da Caixa ---A vide-Cantón --- Amandi --- 9-VI-2000.
Entre As Pozas e Santa Locaia hai, tamén, unha Fonte da Moura.
* Aurelia do Carrazúa ---Lobios --- 23-IV-2006.
O TESOURO DE SANTO TIRSO
Houbo unha capela en Santo Tirso baixo a advocación que lle dá nome ó lugar. Tirso, recórdanos Nicandro Ares, fai referencia ó bastón adornado con edras e rematado en piña, emblema do Dionisos grego ou o Baco romano. O Santo cristián non logra desprenderse das atribucións do deus do desenfreo. Propio para estas terras de afamados caldos un santo con reminiscencias deste deus pagán da amizade e da alegría de vivir, un dos efectos dos xenerosos grolos dun amandi.
A capela, despois de sufrir moitos avatares e de ser practicamente derruída e vendida a pedra, comprouna o pai do informante porque lle dicían que alí había un tesouro escondido. Cavou e cavou sen que nunca aparecera nada.
Hoxe, convertida en alpendre para gardar a maquinaria, resalta ó seu carón un pozo cuberto por unha edificación en pedra.
* José “Fofito”de Santo Tirso --- Amandi --- 8-I-2009.
O VIÑO DA RIBEIRA DE SAN MARTIÑO
Á ribeira de San Martiño en Amandi, onde en tempos houbera unha capela adicada ó santo, viñan en barcas buscar o viño para misar en Roma.
* Victoriano de As Moreiras --- Amandi --- 29-III-2008.
O POBRE DE ALBAR (aquí)

Sem comentários: